Thursday 16 de May de 2024

Avanzan as obras para completar a renovación da rede de saneamento na rúa Ramón María Aller, no barrio da Agra do Orzán


O Goberno de Inés Rey prosegue co plan de melloras para substituír os antigos colectores en todos os barrios. Ademais das intervencións que se están a executar na Agra, xa remataron os traballos na rúa Colón, en Monte Alto

O Concello da Coruña continúa estes días as obras para renovar a rede de saneamento na rúa Ramón María Aller, no barrio da Agra do Orzán, dando continuidade ao plan de melloras que está a executar o Goberno de Inés Rey neste distrito, e que abrangue intervencións similares e tamén en marcha actualmente, como as que se están levando a cabo na rúa Manuel Deschamps.

No caso específico da rúa Ramón María Aller, o servizo municipal de Infraestruturas está a executar a substitución dos antigos colectores, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

A intervención, que está focalizada no treito comprendido entre a praza do Comercio e a rúa Agra do Orzán, atópase na súa fase inicial. Neste sentido, Infraestruturas avanzou esta semana nos traballos de apertura da gabia necesaria para proceder ao cambio de tubaxes no cruzamento coa rúa Laracha.

Neste sentido, a previsión do persoal de Concello é que, unha vez completada a substitución dos colectores, se proceda á renovación do firme no treito afectado polas obras, onde se disporá unha nova capa de formigón. Xa para finalizar a intervención, procederase á recolocación das tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros.

Os traballos na rúa Colón, en Monte Alto, xa están completos

O plan de renovación da rede de saneamento na Coruña, impulsado polo Goberno de Inés Rey desde o anterior mandato, tamén incluíu melloras na rúa Colón, situada no barrio de Monte Alto.

Neste enclave o Concello rematou xa unha intervención para renovar as tubaxes entre a rúa Santo Tomás e ata as inmediacións do cruzamento de Colón coa Vía Ártabra e a rúa Suevia.